O MUSEO EN CAMIÑO

Este programa, feito en colaboración co Museo Provincial de Pontevedra, reforza o papel do Camiño como eixo que vertebra cultura. Ademais pretende impulsar a identidade xacobea de lugares pertencentes ás rutas xacobeas ao seu paso polas provincias de Pontevedra e A Coruña. Nenos e nenas de entre 6 e 12 anos de poboacións do Camiño portugués terán a oportunidade de coñecer o significado de formar parte dun percorrido moi antigo na que paisaxe, patrimonio e valores espirituais se funden nunha ruta de intercambio entre persoas.

Unha selección de pezas representativas da colección do museo son a base sobre a que desenvolver unha serie de unidades didácticas para traballar por medio da expresión plástica conceptos sobre historia, arte e patrimonio. Diseñase unha maleta contedor de obxectos que evocan as pezas elixidas. Conta tamén con réplicas para unha mellor comprensión por parte dos participantes que, moi probablemente, non estean familiarizados coa colección. Cada un dos compartimentos corresponderá cunha obra destacada da colección do Museo e se abordará o seu estudo segundo os intereses do alumnado facendo que en cada sesión sexan eles mesmos os que decidan sobre que queren reflexionar. As unidades didácticas serán acordes ao nivel dos participantes e mediante elas poderán traballarse contidos do currículo de primaria. Xunto as actividades realizadas polo equipo responsable do proxecto haberá outras previstas para ser executadas por parte dos docentes que estean interesados.

O equipo dinamizador do proxecto viaxará aos lugares do Camiño elixidos para traballar as unidades didácticas propoñendo unha serie de actividades prácticas nas que se fomente a aprendizaxe por descubrimento e o debate establecendo un vínculo positivo coa arte e a historia. Unha sorte de museo expandido no que chegar a novos públicos. Un proxecto vivo e adaptado ás inquedanzas dos pequenos onde destacan os aspectos cualitativos fronte aos cuantitativos.

Ao remate do programa producirase un material expositivo que se amosará no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra para explicar o traballo feito e pechar o círculo: o caixón regresa ao seu punto de partida espallando na orixe todo o aprendido na súa viaxe.